Logo de sete semanas grabando en diferentes zonas de Galicia, o pasado sábado concluiu en Betanzos a rodaxe do filme infantil "A casa da luz". O director, Carlos Amil, deu o "corten e a montar" as tres da tarde no plató habilitado no IES "As Mariñas" da localidade coruñesa e, pola tarde, todo o equipo celebrou o final da rodaxe con unha festa no restaurante "El Remanso".
Alí estaban os seis protagonistas da película: Agustina Bentos, Sheila Carbia, Jorge Taboada, Javier Lópe, Claudia Peña e Antón Sampedro, os rapaces galegos que se iniciaron como actores con este traballo despois de ser elexidos nas probas de reparto que se realizaron por centros educativos de toda a comunidade.
“A casa da luz”, é unha adaptación da novela do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil Xabier Docampo, levada ao cinema en un novo proxecto do produtor Xosé Xoan Cabanas Cao e do director Carlos Amil. Será un das primeiras longametraxes de imaxe real para nenos que se realizan en Galicia e estase a rodar íntegramente en galego.
A novela, editada por Edicións Xerais, narra a aventura dun grupo de nenos utilizando como fío condutor a desaparición dun amigo nun mundo descoñecido e misterioso. Segundo explica o seu autor, Xabier Docampo, trátase dunha literatura moi cinematográfica. "Como a maioría dos autores da miña xeración, teño moitas influencias do cinema", comenta Docampo, que ademais asegura que lle fai "moita ilusión” que unha obra súa sexa levada a gran pantalla, pola súa “vinculación co audiovisual galego".
A adaptación cinematográfica foi realizada por Carlos Amil e Xosé Xoán Cabanas Cao, que coinciden en cualificar o proxecto como unha película “fantástica”, pero non de fantasía, na que o público obxectivo, os nenos, serán tratados "como espectadores intelixentes", algo que tamén remarca Xabier Docampo. "Este país necesitaba isto -afirma-. Alguén ten que formar aos espectadores cinematográficos, e estes fórmanse no cinema".
No equipo artístico destacan actores galegos xa coñecidos no mundo da interpretación, como Gustavo Pernas, Xosé Manuel Oliveira, Susana Dans, Antonio Mourelos, Miguel De Lira, Cándido Pazo, Xulio Lago ou Camilo Rodríguez. Dentro do equipo técnico destaca a presencia de Xosé Cobas, ilustrador da novela orixinal, que asume a dirección conceptual do filme. Alfonso Parra é o director de fotografía e Rodrigo Roel o director artístico. Por outra banda, a música e de Nani García.